O simple feito de que para analizar a evolución do cultural en Ourense se pense en dedicar unhas páxinas á Banda Deseñada —ou cómic, tebeo, historieta, narrativa visual, arte secuencial,...: como se queira— fala por si propio: en 1989 ninguén tería formulado a cuestión, por unha parte porque o acontecido nos anteriores dez anos non daría para moito, e por outra, e sobre todo, porque a presencia social e nos medios de comunicación da chamada ‘novena arte’ na cidade das Burgas era absolutamente marxinal. Seguramente si houbese habido algún apartado para o humor gráfico, aínda que só fose polo gran fenómeno popular que supón «O Carrabouxo» na nosa cidade. Pero acontece que, malia a grande tradición que existe no referente ao humor gráfico en Galicia, o paso cara ao cómic non se dera ata décadas moi recentes. Se a isto engadimos a escasa importancia que a edición impresa ten conseguido en Ourense nos últimos anos, comprenderemos mellor o grande que é a evolución que se ten conseguido nestes dous terreos nunha década.
Foi en 1989 precisamente cando se produciron, en Ourense, dous dos feitos máis relevantes na BD ourensá, e, polas súas consecuencias, galega: saíu o número 1 da revista Frente Comixario e celebráronse as primeiras Xornadas de Banda Deseñada, acontecemento que non casualmente estaba ligado ao primeiro. Un ano antes aparecera o número 0 da revista ourensá, aproveitando a publicación dos premios do concurso de BD da Casa da Xuventude, pero non foi ata entón cando os membros da asociación —formada a partir da reunión da xente de distintos fanzines que existían previamente na cidade— conseguiron erguer un proxecto que, por primeirizo, custou moitísimo máis que os que viñeron despois. Aquel número 1 foi unha verdadeira sorpresa para moitos; ía supor a aposta máis seria e ambiciosa que sobre o tema do cómic se fixera, xa non só en Ourense, senón en todo país galego, tanto por entidade como por volume de obras publicadas. De feito, non sendo o caso da revista Xofre (1979) —que só durou un número e que, malia os nomes que estaban detrás do título, como Prado, Jaraba ou López Domínguez, non logrou a presencia dun proxecto como o comixario—, os únicos esforzos realizados no cómic ata entón en Galicia estiveran ou ben situados nunha esfera achegada ao «mundo da arte» e ás vangardas artísticas (A Cova das Choias ou os traballos de Reimundo Patiño), ou ben dirixidos ao nítido propósito didáctico das publicacións infantís (caso do voluntarioso Vagalume);[1] quere isto dicir que Frente Comixario foi a primeira iniciativa nacida en Galicia con intencións de publicar cómic galego, e escrito en galego, que reunise as condicións de ser a un mesmo tempo popular e de creación ‘autoral’.
Aquel número 1 reunía obra de Miguel A. Chaler, Tito (Gerardo Diéguez), Andrés Fortes, Pestiño (nome do colectivo formado por Miguel A. Carvallo, Xosé Manuel Moxón e Paco Paradelo), César Moreiras e Héitor Real, e supuña un (moi notable) balbucido no que destacaban xa á primeira vista as calidades gráficas dalgúns autores como Tito, Chaler e Héitor. A segunda entrega, producida ao ano seguinte, incluíu outros nomes como Alfredo González e Miguel Robledo, abríndose xa a autores de fóra do grupo como o vigués Tokio (Alfredo López), e nela aparecía xa o coñecido símbolo da cara de sarcástico sorriso que identificaría o grupo no resto da súa traxectoria. O producto en xeral ofrecía xa un mellor acabado: autores como Fortes ou Tito, por exemplo, amosaban boa parte do que son capaces de facer, e descubriamos un traballo que xa dicía moito do futuro estilo de Robledo. O número 3, do 91, era un auténtico tomo de case cen páxinas —incluíndo vinteún autores e autoras— que fala do éxito acadado en toda Galicia polo proxecto da Frente; os seus responsables comezaban a se decatar da imposibilidade de dar cabida na revista a toda a BD que se realizaba en Galicia, e da certa presión que supuña estar no punto de mira de todo o país. Nomes de novos autores de fóra de Ourense, tales como Portela e Iglesias, Rulo Carpeta ou Bueno Capeáns, pasaran a ocupar un peso importante na revista. Empezaba a ser necesario dar un maior ritmo de publicación. Así, nese mesmo ano apareceu o número 4; o prematuro falecemento de César Moreiras motivou a capa máis naïf da revista, empregando unha ilustración do celanovés, fundador do grupo.[2] Os proxectos que se cociñaban no seo do grupo xa rebordaban, e a revista pasara a ser naquel momento para o núcleo ourensán algo moi, digamos, «oficial» —comezara a ser xa unha responsabilidade, vistas as expectativas que xerara—, así que a resposta é a creación dun proxecto paralelo de espírito máis fanzineiro, Léndia Prea, dedicado ao cómic gore con ramallazos porno, e admitido polos seus creadores como unha arroutada necesaria para recuperar os folgos orixinais, e de paso demostración factual para as novas fornadas de creadores de que para sacar un fanzine con presentación e entidade suficientes non se necesitaban grandes orzamentos, se se sabía abaratar custes e rebaixar fatuas pretensións. Só habería un número desta revista, pero serviría de prólogo para o seguinte proxecto paralelo de Frente Comixario: o Spesial. Antes diso, no ano 1992, seguiu aparecendo a revista nai, co seu número 5, e capa creada por Xan López Domínguez, tendendo unha ponte entre a ‘xeración Xofre’ e a ‘comixaria’ e apadriñando dalgunha forma a revista de cara ao gran público. Estaba a fraguarse o único intento ata o de agora de facer unha editora —o que se chama usualmente ‘independente’— de BD en Galicia: nese mesmo ano, saíu á rúa o primeiro número desa nova disgregación do proxecto, titulada Special Zombis, que segue o rastro deixado pola Léndia Prea, aínda que dotándoa de maior prestancia na presentación; nel comezara a falarse dos novos proxectos da Frente: a reconversión da revista primixenia nunha sucesión de «especiais», e a edición dunha liña de álbums de BD galega. O ano 93 sería así clave na historia de Frente Comixario, xa que viron a luz o número 6 da revista, «Especial Superheróis»; o Spesial Pelegrín, crítica nada compracente co espectáculo institucional do Xacobeo, que supuxo un grande éxito de vendas; e o primeiro número da serie de álbums «Cómic Galego»,[3] que comezou co recompilatorio de historietas de Fernando García Varela Papagaio Spray, en preitesía con outro dos membros das xeracións anteriores (neste caso de Valiundiez e outras revistas da época da «movida»). Malia a inxente e prometedora producción daquel ano, na que xa comezaba a se albiscar unha madureza que ía afastando as produccións comixarias dos tics máis «fanzineiros» —na acepción negativa do termo— para deixar paso á liberdade creativa propia da autoedición, mesturada cun saber facer dunha xente que aprendera técnica e adquirira experiencia ao longo dos anos,[4] aquel ano foi o derradeiro no que Frente Comixario daría algo ao prelo. Non é que o grupo rematase así os seus días, porque a ‘morte’ oficial non se declararía ata bastante despois, pero, a pesar mesmo dos non poucos intentos por facer polo menos un canto de cisne (o número 7, para o que Miguelanxo Prado cedera unha ilustración para a capa), a experiencia do grupo comiqueiro máis relevante de Galicia rematou, xusto no que parecía o seu mellor momento. As razóns terían que ser os seus compoñentes quen as declarasen; desde estas liñas só se pode apuntar que foi un cúmulo de circunstancias adversas as que acabaron co proxecto: por unha banda, a xa referida crecente responsabilidade que supuña ser o adaíl, a cabeza visible do cómic en Galicia —responsabilidade que se concretaba, por exemplo, en críticas externas (e realmente pouco fundadas) acerca dos criterios de selección de autores para a publicación na revista—, cando era imposible dar abasto a toda a demanda dos autores que estaban aparecendo; por outra, e se cabe de forma máis importante, o cansazo da ‘dirección’ do grupo, as disensións internas acumuladas durante anos e ese estado de cousas no que se atopan moitos proxectos alternativos cando chega o momento crucial no que se toca teito: ou se dá ese salto fundamental que permite seguir adiante e de forma ascendente ou todo ten que rematar. No caso dos comiqueiros ourensáns, o ‘salto’ tiña que ser á profesionalización —entendámonos, poder gañar algo de diñeiro co cómic, unha arte moi difícil, pouco comprendida e moito menos agradecida— e iso estaba realmente complicado, especialmente pola complicación da distribución en Galicia.[5] Desaparecida a Frente, comezaba na banda deseñada en Galicia un foxo que aínda non se deu superado por completo.
[2] Dita capa tivo pouco éxito entre o público, e iso notouse nas vendas. Un tempo despois, imprimiuse unha nova portada, desta vez a cargo de Fernando Iglesias, que conseguiría vender moitos daqueles exemplares no Saló de Barcelona, disfrazados de «segunda edición».
[3] Estaba anunciada tamén a publicación dunha historia longa a cargo de Portela e Iglesias, Amor de Alma Dans.
[4] Boa mostra foron os experimentos de traballo en equipo en dúas series que se incluíron nese sexto número («Capitám Palheiro» e «Garriga», especialmente esta última, para a que había un avanzado proxecto de publicación como serie independente da revista).
[5] Frente Comixario fixo moitos esforzos por acadar distribucións dignas, a través de varias empresas do sector, pero atopou un panorama desolador, no que había pouca eficiencia para pór en circulación un producto das características do seu, cando non un claro desinterese.
[6] Cuxa obra é víctima da lastimosa realidade cultural do noso país, xa que o seu proxecto máis ambicioso e maduro, unha serie —Os Cabezóns: pode verse un adianto no Fanzine das Xornadas nº 1— da que ten realizado un capítulo de máis de trinta pranchas, continúa inédita sen que ningún editor faga nada por evitalo.
[7] E da que, aproveitemos a ocasión, debería reclamarse unha edición máis coidada en forma de libro, xa que as existentes ata o de agora esquecen unha parte importante: o acompañamento ás viñetas dun titular ou noticia que dea o seu pleno sentido ao chiste pasado o tempo. Lonxe de evidenciar a suposta pouca perdurabilidade deste tipo de humor pola súa dependencia da actualidade, ese tipo de edición subliñaría para a posteridade o labor de observador crítico da realidade que ten o humorista gráfico, que por definición ten que estar máis comprometido co seu tempo que coa visión que poida ter do seu labor a pseudocrítica artística.
1 comentario:
Los premios Galicia de Comunicación 2007 abrieron este año con la concesión del Premio a la mejor labor de comunicación de periodismo gráfico en medios impresos a Xosé Lois por O Carrabouxo (algo que Sonia López, Bernardo e Isa comentaron en su exposición el martes 7 de febrero de 2008).
Por periodismo gráfico yo entiendo más un infográfico o una fotografía que una viñeta o tira cómica.
No quiero decir que una viñeta no 'comunique'. En absoluto, quizás sea mucho más comunicativa que un infográfico porque la viñeta tiene un trasfondo que va más allá de lo que sugiere un infográfico.
Pero aún así no lo ubico como 'periodismo' en si. Recogen aspectos de la actualidad pero no lo explican sino que lo hacen divertido.
Supongo que la problemática es terminológica. No sé qué opináis.
Con todo, ¡enhorabuena Lois!
Dejo un par de links:
-http://www.laregion.es/noticia/41375/Carrabouxo/galard%C3%B3n/exposici%C3%B3n/obras/premio/
-http://www.galiciae.com/nova/4615.html
Publicar un comentario